Monday 13 de May de 2024

WOMEX 2023 despídese da Coruña tras converter a cidade en referente internacional da música con profesionais de 105 países


O evento musical para profesionais rematou hoxe cunha entrega de premios no Teatro Colón

Manchester é a cidade que acollerá a próxima edición de WOMEX

WOMEX 2023 puxo fin a cinco intensas xornadas de promoción e divulgación da música na Coruña cun gran éxito de participación e cheos nos concertos organizados nas distintas localizacións durante a ultima semana. O Goberno de Inés Rey prosegue deste xeito coa súa programación cultural, que ten como un dos seus eixos os grandes eventos que posicionen á Coruña no circuíto mundial.

Os datos de participación amosan o gran impacto que tivo esta cita na cidade: acudiron 2.750 profesionais de 105 países en representación de 1.385 compañías; celebráronse máis de 60 actividades e espectáculos repartidos en sete escenarios da Coruña; 1.010 promotores de eventos, 570 selos discográficos e distribuidores; 460 instituciónsgubernamentais e educativas; 770 axentes discográficos, 700 managers e 320 produtores; 260 xornalistas nacionais e internacionais; 96 relatores e máis de 250 postos nos que se exhibiron os produtos e servizos de ata 703 compañías de 58 países. Son algunhas das cifras que marcan o éxito desta edición de Womex na Coruña.

 

Este domingo a xornada de peche celebrouse no Teatro Colón cunha entrega de premios na que se entregaron dous galardóns: o Premio á Excelencia Profesional que recaeu en ‘On the Move’ mentres que BCUC recolleu o premio á Artista WOMEX23. Posteriormente, o grupo ofreceu un concerto que levantou ao público en moitas ocasións.

Durante a entrega de premios fíxose fincapé na importancia de WOMEX non só para dar a coñecer outras culturas ou cidades, senón de achegar a alma da música de cada área local ao ámbito global. Ademais, tanto os presentadores do evento como os artistas premiados destacaron que a esencia de WOMEX vai máis alá de crear vínculos a nivel profesional posto que, a nivel persoal, supón que artistas ou grupos poidan aportar algo positivo e así cambiar o mundo.

Próxima parada: Manchester

WOMEX 2024 terá lugar en Manchester do 23 ao 27 de outubro. Así o representante municipal da cidade de Reino Unido, Luthfur Rahman, quen convidou a todas as persoas asistentes a unha nova edición dun evento único no mundo.

Unha cidade, destacaron os presentadores da entrega de premios, moi similar á Coruña pola boa disposición e proximidade de espazos onde poden celebrar tanto a feira como as diferentes actuacións musicais.